CATIVA ESPERABA A SEREA
A serea, que todo sabía de estrelas
de mar, de marés e golfiños,
que amaba o xentil camiñar
sutil dos ourizos,
que adoraba o lonxincuo tanxer
das baleas en cantos senlleiros,
sentada na rocha cuberta de algas,
solleira na praia deserta,
esperaba,
coa cauda bambeando nas ondas
dunha mar curta e fría na area.
Silente espreitaba o percurso
do sol cara á noite descendo,
mil lapas brincando nervosas
nos ollos ardentes de anceio.
Cativa esperaba a serea,
axexando no largo horizonte,
o presaxio dun barco mareiro:
baixo as nubes erguéndose en torres
unhas velas no mar, á pendura
dun miraxe efémero e intenso.
Xemía,
contendo na gorxa o canto vibrante,
o degoiro que acouga no peito:
Un mariño de pulso de ferro
as augas profundas sucando
con lonas, enxarcias e vento.
E levalo,
impotente da presa do arpeo,
ata o fondo do océano inmenso
onde encher, transparente, o seu corpo
de eterno silencio.
