Si miña señora á i-alba de Arousa beilar,
poñereille, belida, un ventiño no mar.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!
Poñereille unha frauta e máis un reiseñor
e unha longa soedade coma a da mar maior.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!
Na illa de Cortegada poñereille un galán
por pastor de mareas co seu remo na man.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!
Poñereille unha gaita no bico da ría
e unha abelaneira no medio do día.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!
Álvaro Cunqueiro, “Mar ao norde”